Máscaras do Entroido ourensán, na mostra "Máscaras, Símbolos de Identidad", en O SIL
Máscaras do Entroido ourensán, na mostra “Máscaras. Símbolos de identidade”, en Mansilla de las Mulas (León)
A exposición, que reúne 77 elementos de diversos rituais de Galicia, León, Zamora, Portugal e América; poderá visitarse ata o 12 de setembro no Museo de los Pueblos Leoneses
10 de Xullo de 2025
A vinculación do home coa máscara vén dende os tempos máis remotos e constátase nas diferentes partes do planeta. Partindo deses elementos comúns, a exposición “Máscaras. Símbolos de identidade”, que vén de inaugurarse no Museo de los Pueblos Leoneses, en Mansilla de las Mulas (León) convida a quen a visita a realizar unha viaxe polos rituais máis atávicos de ambos os hemisferios.
Dende as máscaras do noroeste da península, como son as de León, Zamora, Galicia e do nordeste de Portugal ata outas do continente americano. “Aínda que teñen especial protagonismo as máscaras das comarcas leonesas quíxose ampliar o foco ata alcanzar territorios cercanos e irmáns, como poden ser Zamora e Galicia, ou Portugal pero tamén outro moito máis alonxados como México ou Perú, ou pertencentes a etnifas nativas do Estado de Whashington”, dicía o presidente da Deputación de León, Gerardo Álvarez Courel, no acto inaugural da mostra, que tiña lugar no mediodía do 9 de xullo.
Trátase dun ambicioso proxecto expositivo, de carácter internacional, que propón explorar e visibilizar o profundo valor simbólico e cultural das máscaras rituais como patrimonio inmaterial compartido por diversas comunidades do mundo. Ademais revela a conexión universal deste tipo de manifestacións tan enraizadas na memoria profunda dos pobos, con especial atención ás ’mázcaras’ leonesas. En total reúnense ou póñense en conexión 77 elementos rituais, entre os que figuran máscaras de Entroido, principalmente ourensás: as dos Boteiros de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, dous dos Cigarróns (Verín), a Pantalla (Xinzo de Limia), o Follateiro (Lobios), a Bonita de Sande (Cartelle) do Vellarrón de Riós, así como a dun Maragato do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada. Lugo) e o Vello dos Cornos (Merza, Vila de Cruces, Pontevedra).

“A identidade cultural atópase enraizada no local ao tempo que é reflexo de distintos valores universais”, dicía na inauguración Jorge Martínez, director da Escuela Superior de Arte e presidente do Instituto de Estudios Concha Casado: e esta mostra, que será itinerante, “propón explorar e visibilizar o profundo valor simbólico e cultural das máscaras rituais como patrimonio inmaterial compartido por diversas comunidades do mundo, un proxecto itinerante froito do labor desinteresado dun nutrido grupo de persoas e institucións”.
A exposición é froito do esforzo conxunto do ILC, o Instituto de Estudos Patrimoniais Concha Casado, a Fundación Caja Rural, a UNED, a Academia da Máscara Ibérica e outras entidades, a exhibición poderá contemplarse ata o 12 de setembro en Mansilla de las Mulas.

Deste xeito, a mostra quere ser un reflexo da pervivencia da tradición e dos comportamentos rituais das agrupacións humanas e pretende “poñer en valor unha serie de prácticas rituais que, a pesar da súa diversidade xeográfica, comparten un mesmo orixe vinculada a crenzas ancestrais, ao respecto pola natureza e á conexión co invisible”, en palabras de Jorge Martínez, quen ademais matizaba que as máscaras “preséntanse nesta exposición non só como obxectos simbólicos, senón como testemuños vivos de identidade, resiliencia e herdanza cultural”.
Ao mesmo tempo, lembraba que “o proxecto, por outra banda, fundaméntase nas recomendacións da UNESCO sobre Salvagárdaa do Patrimonio Cultural Inmaterial, promovendo a documentación, protección, difusión e revitalización destas tradicións, en colaboración con investigadores, institucións culturais, asociacións e diversos colectivos. Máis aló dun mero percorrido visual, a mostra supón unha invitación para reflexionar sobre a conexión humana global a través de tradicións que seguen vivas e que nos lembran a importancia de preservar a nosa diversidade cultural”.


Pola súa banda, Gerardo Álvarez Courel, tamén subliñaba que a exposición constitúe “o froito dun arduo traballo colectivo entre diferentes institucións e entidades, algo que vén poñer de manifesto como a mellor maneira de sacar adiante un proxecto de leste calibre é axuntando esforzos e coordinando vontades”. Ao seu xuízo, ‚Máscaras. Símbolos de identidade’ “fainos reflexionar sobre os nosos sentimentos e pulsións máis profundas, e sobre o substrato cultural compartido por todos os seres humanos. Pero, á vez, ensínanos de que maneira a arte non é patrimonio único dos artistas con nome e apelidos senón que, desde os albores da humanidade, o home veu deixando o seu sinal creador a través de elaboracións tan suxestivas e poderosas como estes magníficos expoñentes que teremos ocasión de contemplar, durante todo o verán, no Museo de los Pueblos”.
A comisaria de “Máscaras. Símbolos de identidade”, Noemí Martínez Murciego, realizaba unha visita guiada explicando a súa estrutura e contidos e facendo fincapé nos puntos en común que conectan as diferentes máscaras, no carácter de artista dos seus creadores e no papel da muller nestas celebracións.


Á inauguración contaba coa presenza de diversas autoridades, tanto leonesas como doutros territorios representados na mostra, e así entre os asistentes estaba a alcaldesa de Riós, Eva Barrio; a representante do Instituto de Estudios Concha Casado en Galicia, Mar Bóveda; e o presidente da Academia da Máscara Ibérica, António Pinelo Tiza, quen tamén interviña falando das singularidades das máscaras portuguesas que poden verse, entre elas as dos rituais das Festas do Rapaces ou do San Estevão ou as do Carnaval.

Esta exposición tamén foi posible grazas ao respaldo do Instituto Leonés de Cultura da Deputación Provincial e ao compromiso de entidades como a UNED a través da súa Cátedra de Territorios Sostibles e Desenvolvemento Local, a Fundación Caixa Rural, a Universidade de Washington, a Universidade Estatal de California, a Deputación de Zamora, a Junta de Castilla y León, a Escola de Arte e Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de León e a Academia da Máscara Ibérica, así como de numerosas asociacións e artesáns mascareros de León, Galicia, Zamora, Portugal, Perú e México.

A mostra poderá contemplarse ata o próximo 12 de setembro na sala de exposicións temporais do Museo dos Pobos Leoneses (rúa San Agustín, 1, Mansilla de las Mulas, León), con acceso gratuíto, de martes a domingo de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.
Despois iniciará unha itinerancia na que poderían incorporarse novas máscaras da Galicia interior como é o caso a do Oso de Salcedo (Pobra de Brollón) e o Touro de Celavente (O Bolo).
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.











